
Semellaba chegar o día, logo de tantos anos de espera, en que D. Ricardo Carballo Calero, figura recoñecida por todos como un dos máximos expoñentes da cultura galega, tivese o seu día grande, o máis grande no eido das nosas letras.
Non fora doado. Neste campo vizoso hai cada ano forte competencia, dado que son moitas as persoas que dedicaron a súa vida a traballar para que a frondosa árbore da cultura galega medrase e abondasen os seu froitos, e todas e cada unha destas persoas reúnen méritos máis que sobrados para seren galardoadas.
Cada ano unha soa persoa pode ter esta dedicatoria. Por iso, pola abundancia -porque méritos e merecementos sóbranlle- por iso fora tan longa a espera.
Este ano 2020 foille por fin dedicado… e, cando nos iamos achegando á data eos nosos labores para celebralo como mellor souberamos ían tomando forma, entramos nun tempo insólito, que nunca, nin nos máis aciagos pesadelos, puideramos sequera sospeitar. Unha pandemia, que quizais veu de lonxe, cubriuno todo. Tivemos que ficar na casa, as portas fecháronse e todo quedoucomo en suspenso.
Tamén as festas tiveron que adiarse á espera de tempos máis doados nos que puidésemos estar outra vez xuntos.
Os actos de homenaxe, a festa das letras galegas deste ano 2020, por vez primeira na historia, celebrarase no outono.
Mais, aínda así, no “Instituto Rosalía de Castro”, onde don Ricardo foi profesor, non queremos deixar sen ledicia esta primavera. Con este fin, gozar dos textos deste insigne profesor, crítico literario, dramaturgo e poeta, nace o noso blog.
Aquí, os traballos eruditos de D. Ricardo e os seus poemas de fondura existencial serán iluminados pola alegría do alumnado de educación plástica visual e audiovisual, así como de debuxo artístico, nos diferentes niveis, neste ano de tan extraordinarias circunstancias.